Desde o pasado 21 de setembro ata este mesmo martes estivo aberta a convocatoria dos IV Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego, que teñen como fin recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos cuxo obxectivo principal sexa a valorización e o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e/ou prestixio.
Nesta cuarta edición, que contou cun período de inscrición maior, recibíronse un total de 35 candidaturas de servizos de normalización lingüística, equipos de normalización e dinamización da lingua galega, asociacións e outras entidades.
Das propostas candidatas, oito foron inscritas por servizos de normalización lingüística de entidades locais, nove son accións desenvolvidas en centros educativos e 18 foron presentadas por outras entidades públicas ou privadas ou son iniciativas de particulares.
Entre as campañas presentadas, a maioría iniciáronse nos últimos cinco anos (25), e en concreto 11 accións naceron no ano 2022. Hai tamén algúns proxectos consolidados con ampla traxectoria, que pode chegar até máis de 20 anos.
As temáticas tamén son variadas, pois hai proxectos que se basean no patrimonio, que interveñen no ámbito da economía, que potencian a oralidade e os espazos de comunicación, que vinculan a lingua coa ciencia ou o feminismo... Así mesmo, o público destinatario é principalmente a mocidade e a infancia.
Nos vindeiros días a CTNL nomerá o xurado que seleccionará as campañas que serán recoñecidas nesta cuarta edición. Estará formado por técnicos/as de normalización lingüística e persoas con recoñecida capacidade en ámbitos como a planificación lingüística, a intervención social, a xestión de proxectos sociais e/ou a comunicación.
O xurado escollerá ata catro campañas sen establecer ningunha xerarquía entre os premios que se outorguen, tal e como quedou establecido como novidade nas bases desta edición. Nas súas deliberacións terá en conta:
Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica. Consistirán no recoñecemento e na ampla difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado.
Para axudar a dar a coñecer os proxectos premiados, organizarase un acto público de entrega e as candidaturas seleccionadas polo xurado estarán dispoñibles para a súa consulta detallada no web www.milprimaveras.gal, onde agora se poden consultar os 20 proxectos recoñecidos nas edicións anteriores. Tamén se difundirán os proxectos premiados a través das canles habituais de difusión da CTNL (redes sociais, web etc.).
Os IV Premios Mil Primaveras promóveos e organízaos a CTNL coa colaboración económica da Deputación Provincial de Pontevedra.