Desde o pasado 2 de outubro ata este mércores estivo aberta a convocatoria dos V Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego, que teñen como fin recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos cuxo obxectivo principal sexa a valorización e o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e/ou prestixio.
Nesta quinta edición recibíronse un total de 37 candidaturas de servizos de normalización lingüística, equipos de normalización e dinamización da lingua galega, universidades, asociacións e outras entidades.
Das propostas candidatas, nove foron inscritas por servizos de normalización lingüística de entidades locais, nove son accións desenvolvidas en centros educativos e 19 foron presentadas por outras entidades públicas ou privadas ou son iniciativas de particulares.
Entre as campañas presentadas, 23 iniciáronse nos últimos cinco anos, e en concreto oito accións naceron no ano 2023. Hai tamén algúns proxectos consolidados con ampla traxectoria.
O público destinatario dos proxectos é principalmente a mocidade e a infancia. Tamén é destacable o aspecto colaborativo en moitas das candidaturas presentadas e que abordan temas coma a ciencia, a comunicación, as TIC, o lecer e a creatividade.
Nos vindeiros días a CTNL nomerá o xurado que seleccionará as campañas que serán recoñecidas nesta quinta edición. Estará formado por técnicos/as de normalización lingüística e persoas con recoñecida capacidade en ámbitos como a planificación lingüística, a intervención social, a xestión de proxectos sociais e/ou a comunicación.
O xurado escollerá ata catro campañas sen establecer ningunha xerarquía entre os premios que se outorguen, tal e como quedou establecido nas bases desta edición. Nas súas deliberacións terá en conta:
Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica. Consistirán no recoñecemento e na ampla difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado.
Para axudar a dar a coñecer os proxectos premiados, organizarase un acto público de entrega e as candidaturas seleccionadas polo xurado estarán dispoñibles para a súa consulta detallada no web www.milprimaveras.gal, onde agora se poden consultar os 24 proxectos recoñecidos nas edicións anteriores. Tamén se difundirán os proxectos premiados a través das canles habituais de comunicación da CTNL (redes sociais, web etc.).
Os V Premios Mil Primaveras promóveos e organízaos a CTNL coa colaboración económica da Deputación Provincial de Pontevedra.