Novas

Os VI Premios Mil Primaveras recoñecen catro novas iniciativas normalizadoras

09/abr/2025

O xurado desta nova edición dos Premios Mil Primaveras reuniuse en liña o 8 de abril e acordou recoñecer catro programas que inciden na infancia e na mocidade, favorecen a socialización en galego e potencian a reflexión e a acción. Son ademais proxectos que buscan a cohesión social, fornecer de recursos e asociar a lingua con valores positivos.

Os Premios Mil Primaveras creáronse coa finalidade de valorarrecoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal valorizar e fomentar a lingua e procurar o incremento do seu uso e/ou prestixio. Desta forma búscase recoñecer e proxectar o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística, dar visibilidade a proxectos positivos e seleccionar boas prácticas que poden servir como modelos.

Na edición deste ano concedéronse catro premios, sen xerarquías, entre proxectos que tiveron vixencia en 2021, 2022, 2023 e 2024. Foron recoñecidos os seguintes: Brazolinda (Brazolinda), Galego para peques (Galego para peques), Modo galego, actívao! (Concello de Ames e Real Academia Galega) e Vitamina G (CEIP Sagrada Familia, A Coruña).

 

Brazolinda

Brazolinda é un proxecto de deseño e fabricación de xogos de mesa en galego que fixo 10 anos en 2024. Iniciativa empresarial coa lingua galega como cerna, naceu co obxectivo de ofrecer, tanto ao profesorado como ás familias, material didáctico en galego que axude a normalizar o uso da lingua no tempo de ocio e de aprendizaxe. Destaca pola calidade dos seus produtos, por estar dirixido a un amplo abano de idades e por asociar o noso idioma ao xogo como ferramenta para o lecer, a aprendizaxe e a socialización. O xurado tamén salientou o emprego da lingua de forma transversal con contidos de matemáticas, ciencia, natureza, historia ou tradicións. Así mesmo, a través de obradoiros transmiten os obxectivos normalizadores a dinamizadores educativos e familias.

 

Galego para peques

Galego para peques é un proxecto audiovisual nacido en 2023 para estender o uso do galego na infancia proporcionando recursos para educadores e familias. Pon o foco no período de adquisición da lingua e na necesidade de materiais para xogar e aprender en galego e co galego. O xurado destacou a calidade e a estética dos vídeos, cunha imaxe idónea para a franxa de idade destinataria. Tamén valorou a súa fácil difusión e a posibilidade de empregalos en diferentes contextos. O xurado recoñeceu así mesmo a xenerosidade dunha iniciativa que comparte recursos diversos (contos, cancións, fichas para pintar e tamén de iniciación á lectura e á escritura) para que calquera persoa poida usalos, e salientou as potencialidades de interacción con outros programas de socialización en galego da infancia.

 

Modo galego, actívao!

Modo galego, actívao! é un proxecto de investigación-acción desenvolvido de xeito colaborativo pola Real Academia Galega e o Concello de Ames. Botou a andar en 2021 e busca dinamizar a lingua galega traballando asemade diferentes ámbitos: a educación, o lecer e as familias. É un programa exportable a outros lugares que combina a intervención e a avaliación, o que permite que poida evolucionar de acordo cos resultados obtidos. Destaca pola colaboración entre institucións e pola implicación de diferentes axentes (docentes, alumnado, monitorado e familias) nun proxecto integral para todo o concello. O xurado tamén salientou aspectos como a súa planificación coidada e rigorosa, que promove a reflexión sociolingüística interxeracional e que incide en diferentes ámbitos de vida das crianzas co fin de facilitar a socialización en galego.

 

Vitamina G

Vitamina G é un proxecto desenvolvido no CEIP Sagrada Familia da Coruña que emprega a lingua galega como factor de cohesión e integración social, nun contexto cunha alta porcentaxe de alumnado de orixe migrante. Consegue unha grande implicación do alumnado, que crea os contidos mentres aprende, investiga e traballa a oralidade. O xurado tamén salientou a creatividade e a positividade na mensaxe (a lingua como un suplemento vitamínico), que é un proxecto replicable e que se trata dunha intervención para un contexto cada vez máis xeneralizado: diversidade lingüística e cultural onde o galego suma. Tamén valorou a proxección do proxecto fóra do ámbito académico e o impacto nas familias.

 

Xurado, recoñecemento e difusión

Manuel Bermúdez, Marga R. Tilve, Olga Patiño,
Anxos Sobriño, Iago Gordillo e Conchi Cochón

O xurado da sexta edición dos Premios Mil Primaveras estivo formado por Manuel Bermúdez Blanco, técnico de normalización lingüística da Universidade de Santiago de Compostela, Marga Rodríguez Tilve, produtora audiovisual responsable de CeibaRimas (premiado na edición de 2023), Iago Gordillo Trigo, titulado en comunicación audiovisual e responsable de Recuncho Gamer (premiado na edición de 2023), Olga Patiño Abeixón, docente con experiencia en educación primaria e secundaria e na xestión de programas de normalización lingüística, e Concepción Cochón Rodríguez, técnica de normalización lingüística do Concello de Pontevedra, responsable do proxecto CantáMOLA en galego (premiado na edición de 2021), que actuou como presidenta do xurado. Anxos Sobriño, vogal da CTNL, actuou como secretaria con voz e sen voto.

Alén da difícil decisión de escolleren os catro proxectos recoñecidos nos sextos Premios Mil Primaveras, o xurado quixo salientar a alta calidade e a riqueza dos proxectos presentados, que cobren ámbitos moi diferentes, inciden en aspectos complementarios e focalizan o uso da lingua en distintos contextos de uso. Destacaron tamén que todos os proxectos presentados son valiosos e necesarios e dan azos para crer que é posible un futuro mellor para a nosa lingua.

 

Recoñecemento, difusión e modelos de traballo

Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica. Consisten no recoñecemento e na ampla difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado. Para axudar a dar a coñecer os proxectos premiados, xa están dispoñibles para a súa consulta detallada no sección Proxectos premiados e tamén se difundirán a través das redes sociais da CTNL. Alén disto, nos próximos meses organizarase un acto público de entrega de premios.

Os Premios Mil Primaveras promóveos e organízaos a CTNL coa colaboración económica da Deputación Provincial de Pontevedra.

 

Descargas

Noticias relacionadas