Novas

Preséntanse 24 proxectos de normalización lingüística á sétima edición dos Premios Mil Primaveras

02/feb/2026

Tras a convocatoria aberta o 8 de outubro de 2025, co derradeiro día de xaneiro de 2026 finalizou o prazo para inscribir proxectos nos VII Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego (2025). Nesta sétima edición dos premios recibíronse un total de 24 candidaturas de servizos de normalización lingüística, do ámbito educativo e de entidades asociativas ou empresariais.

Das propostas candidatas, catro foron inscritas por servizos de normalización lingüística, sete son accións desenvolvidas no ámbito educativo e 13 foron presentadas por outras entidades públicas ou privadas ou son iniciativas de particulares.

Entre os ámbitos tratados nas iniciativas presentadas destacan a mocidade e a infancia, o lecer, a ciencia ou o patrimonio

A CTNL nomeará nos vindeiros días o xurado que seleccionará as campañas que serán recoñecidas nesta nova edición. Estará formado por técnicos/as de normalización lingüística e persoas con recoñecida capacidade en ámbitos como a planificación lingüística, a intervención social, a xestión de proxectos sociais e/ou a comunicación.

O xurado escollerá ata catro campañas sen establecer ningunha xerarquía entre os premios que se outorguen, tal e como establecen as bases desta edición. Nas súas deliberacións terá en conta:

  • A calidade da planificación do proxecto, coa axeitada determinación de obxectivos, destinatarios/as, accións, necesidades e recursos, temporalización
  • A execución e desenvolvemento adecuado das medidas e actuacións
  • A innovación do proxecto, a capacidade de incidencia e o impacto positivo para a lingua
  • A calidade e atractividade da comunicación, deseño, imaxe, materiais, etc.
  • A axeitada avaliación
  • A eficiencia do proxecto

Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica. Consistirán no recoñecemento e na ampla difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado.

Para axudar a dar a coñecer os proxectos premiados, organizarase un acto público de entrega e as candidaturas seleccionadas polo xurado estarán dispoñibles para a súa consulta detallada no web www.milprimaveras.gal, onde agora se poden consultar os 32 proxectos recoñecidos nas edicións anteriores. Tamén se difundirán os proxectos premiados a través das canles habituais de comunicación da CTNL (redes sociais, web etc.).

Os VII Premios Mil Primaveras (2025) promóveos e organízaos a CTNL coa colaboración económica da Deputación Provincial de Pontevedra.

 

Noticias relacionadas