Novas

Estes son os proxectos recoñecidos na quinta edición dos Premios Mil Primaveras

06/abr/2024

O xurado da quinta edición dos Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego, en reunión en liña que tivo lugar o 4 de abril, recoñeceu catro programas que favorecen a reflexión e a acción, potencian a oralidade, reforzan a  formación e introducen a nosa lingua en ámbitos de interese para a mocidade. Son ademais proxectos que buscan crear comunidade e asociar a lingua con valores positivos (a innovación, a creatividade ou a tolerancia).

Os Premios Mil Primaveras creáronse coa finalidade de valorarrecoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal a posta en valor e o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e/ou prestixio. Desta forma búscase recoñecer e proxectar o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística, dar visibilidade a proxectos positivos e seleccionar boas prácticas que poden servir como modelos.

Na edición deste ano concedéronse catro premios, sen xerarquías, entre proxectos que tiveron vixencia en 2020, 2021, 2022 ou 2023. Foron recoñecidos os seguintes: Aquí tamén se fala (IES Rafael Dieste, A Coruña), CeibaRimas (Merenda Creativa), Elos. Engánchate ao galego! (Concello de Santiago de Compostela) e Recuncho Gamer (Recuncho Gamer).

 

Aquí tamén se fala

Aquí tamén se fala é un proxecto nacido en 2023 no IES Rafael Dieste da Coruña, que activa a implicación do alumnado para concienciar o conxunto da sociedade sobre o uso da lingua. Un proxecto sinxelo, ben planificado e cun excelente uso das redes sociais, que no curso actual xa se espallou por 200 centros por todo o país, demostrando que é un modelo perfectamente replicable.

O xurado salientou a súa planificación, con obxectivos xerais e específicos moi ben definidos e medibles, que presenta a lingua en positivo e converte as persoas destinatarias en axentes implicadas no proceso. Dirixido desde o ámbito escolar a outros sectores da sociedade, intervén nun contexto complexo, con poboación de 25 nacionalidades, e consegue motivar o alumnado e situar o galego como elemento de integración e cohesión social. O xurado tamén salientou que é unha acción que favorece a reflexión e que comunica con moita efectividade.

 

CeibaRimas

CeibaRimas é un proxecto da produtora audiovisual Merenda Creativa que busca dinamizar o uso do idioma nas artes entre a mocidade. Con este obxectivo introdúcese no ambiente da xente máis nova a través dos espazos de improvisación oral, o coñecido como freestyle ou rap improvisado. Alén disto, procura asociar esta disciplina artística a valores positivos, coma a igualdade, a tolerancia e a integración, priorizando a improvisación e creatividade por riba da confrontación.

O xurado destacou que é un proxecto que promove o uso oral da lingua asociándoa á creatividade, ao lecer e á modernidade. Trae para o noso idioma un estilo musical que conecta coa xente moza e co noso xeito de improvisación máis tradicional, a regueifa. Tamén salientou que inclúe valores como a igualdade, a inclusión e o respecto, que non adoitan estar presentes nas batallas de galos. Outros puntos fortes son a dispoñibilidade de obradoiros e de recursos, a creación de referentes no ámbito da improvisación e que favorece a socialización asentando o uso do galego entre a mocidade.

 

Elos. Engánchate ao galego!

Elos. Engánchate ao galego! é un programa de voluntariado lingüístico impulsado polo Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela co obxectivo de reforzar con conversa informal a formación do alumnado que se achega ao galego desde outras linguas. Naceu da necesidade do propio alumnado, que tendo interese por perfeccionar e practicar as estratexias orais, non encontraba ámbitos de uso que llo facilitasen.

O xurado tivo en conta que é un proxecto que parte das necesidades das persoas usuarias doutra iniciativa formativa, favorece a socialización e a integración da poboación que quere aprender a nosa lingua a través da conversa en contextos informais. Alén disto, contribúe á escasa oferta formativa para persoas adultas e complementa a aprendizaxe máis académica da lingua. O xurado tamén destacou que é unha actividade que se pode reproducr noutros contextos, está asociada ao lecer e ao voluntariado, mellora a visión que se ten do idioma e da cultura galega desde fóra e axuda á cohesión social.

 

Recuncho Gamer

Recuncho Gamer é un proxecto audiovisual que procura divulgar de forma amena contido sobre videoxogos, entendéndoos como un produto cultural no cal converxen moitas artes. Faino a través de varios formatos audiovisuais como videoensaios, podcasts, entrevistas e emisións en directo en YouTube e Twitch. Con esta variedade de formatos e diversidade de enfoques procura chegar a persoas interesadas nos videoxogos e a público máis profano.

O xurado salientou que leva o galego a un ámbito estratéxico e moi atractivo para un sector da poboación, o dos videoxogos, explorándoo a través de diferentes canles: podcast, streaming, gameplays, vídeos en redes sociais... Outro dos aspectos destacables é que ten entre os seus obxectivos desbotar prexuízos e estereotipos de xénero, incorporando a colaboración de mulleres de xeito habitual. O xurado tamén destacou que é extraordinariamente activo na elaboración de contidos e que incide na cultura popular do momento, onde é moi necesaria a presenza da nosa lingua.

 

Xurado, recoñecemento e difusión

O xurado da quinta edición dos Premios Mil Primaveras estivo formado por Rosa Moreiras Cuñarro, técnica de normalización lingüística do Concello de Ames, Irene Romero Iturralde, docente e responsable do proxecto Asociación Faladoiros Vigo (premiado na edición de 2022), Lorena García Álvarez, deseñadora gráfica e responsable do proxecto Na Utopía (premiado na edición de 2022), Cláudia Morán Mato, xornalista, Paula Soto Viñas, técnica de normalización lingüística do Concello de Moaña, responsable do proxecto Caranvexo TV (premiado na edición de 2022) e secretaria da CTNL, que actuou como presidenta do xurado. Anxos Sobriño, vogal da CTNL, actuou como secretaria con voz e sen voto.

Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica. Consisten no recoñecemento e na ampla difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado. Para axudar a dar a coñecer os proxectos premiados, xa están dispoñibles para a súa consulta detallada no sección Proxectos premiados e tamén se difundirán a través das redes sociais da CTNL. Alén disto, nos próximos meses organizarase un acto público de entrega de premios.

Os Premios Mil Primaveras promóveos e organízaos a CTNL coa colaboración económica da Deputación Provincial de Pontevedra.

 

 

Descargas

Noticias relacionadas